A Federación Galega de Taekwondo está a preparar un protocolo de actuación para a volta ao traballo no taekwondo galego, tras superar o período máis grave da crise sanitaria provocada polo COVID-19.

Para iso creouse un comité de expertos para deseñar un plan de desescalada, no que se establecen prazos e as medidas de seguridade a emprender en cada un de eles, tanto no traballo dos clubs como a nivel das seleccións galegas ou de deportistas DGAN e dos que se atopan nos Centros de Alto Rendemento. Evidentemente será un plan gradual, para  retornar de forma paulatina á volta á normalidade.

Neste plan de regreso paulatino e coas medidas necesarias para garantir a seguridade de deportistas, técnicos/as e xuíces, a Federación Galega tamén actuará como mediadora ante as administracións competentes para que o tecido asociativo do taekwondo galego poida afrontar o impacto económico provocado por esta crise mundial. Ademais, a Federación repartirá entre os clubs unhs “packs de volta” con material de seguridade (pantallas, xel hidroalcohólico, luvas…), ademais de material informativo para os seus usuarios e usuarias. Unha das prioridades da Federación é traballar de forma intensa na formación e promoción, coa posta en marcha de diferentes torneos online de forma gratuíta, así como de varios cursos de formación online, que sen dúbida algunha asegurarán un futuro mellor para o noso taekwondo.

Este proxecto foi presentado no día de onte á Comisión Delegada para o seu estudo e hoxe será remitido aos clubs para o seu coñecemento. Posteriormente o plan será entregado á Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, para poder comezar canto antes o arduo traballo que queda por diante.

ACCEDE Ó PROTOCOLO APROBADO EN COMISIÓN DELEGADA O XOVES 07/05/2020 PINCHANDO NESTE ENLACE.

 

Print Friendly, PDF & Email