Júnior Martínez (-80 quilogramos, Neka) e Tania Castiñeira (+73, Hebe) acadaron onte a medalla de bronce no Multieuropean Championships que se está a disputar en Sofía (Bulgaria). Galicia acudiu cun grupo de taekwondistas a este torneo moi esixente, xa que estaba en xogo a clasificación para o Campionato de Europa sub 21 (logran o pase os dous primeiros de cada peso). O equipo galego foi acompañado polo técnico da categoría sub 21, Cristóbal Boudjenane (BoudSport).
Na xornada de onte, Galicia logrou dúas medallas de bronce. A primeira foi para Júnior Martínez, que caeu na semifinal ante o representante turco nun combate moi axustado (8-10). O turco logrou a medalla de ouro.
Pola súa banda Tania Castiñeira ( +73, Hebe),que ía convocada pola Federación Española de Taekwondo, perdeu contra Rusia (2-8) e logrou a medalla de bronce.
Ademais, Arón Vázquez ( -63 quilogramos, Kwon) gañou en primeira rolda fronte a Bulgaria (26-13),pero en segunda rolda cedeu fronte a Rusia (36-12), que finalmente logrou o título.
Diego Martínez (-58 quilogramos, Natural Sport Riveira) caeu en primeira rolda fronte a Rusia (18-23).
Uxía Ogea (-53, Mace Sport) perdeu na primeira eliminatoria fronte a Alemaña (11-10).
Brais Iglesias (-74, Natural) quedou eliminado en primeira rolda fronte ao ruso que gañaría o peso (1-12). Neste peso o podio foi completamente ruso.
Elena Pérez (-46, Natural) foi superada pola representante de Grecia en primeira rolda (6-4).
Hoxe será a competición cadete (non hai representación galega) e o sábado competirán Pablo Patiño (-68, Patiño) na categoría sénior e Cloe Iglesias (-59, Patiño) na categoría júnior.