O galego Iván García (+80 quilogramos, Mat´s) fixo historia ao acadar hoxe  a medalla de bronce no Grand Prix de París, unha proba na que están presentes os mellores taekwondistas do mundo en busca de puntos para a clasificación olímpica. Iván, que adestra no CGTD de Pontevedra baixo a batuta de Jesús Benito, venceu en tres combates e só caeu na semifinal ante o croata Iván Sapina, nos últimos segundos.

En primeira rolda Iván enfrontouse ao canadense Marc Andre Bergeron, nun combate no que o galego non se atopou excesivamente cómodo e iso veuse reflectido no marcador, xa que perdeu o primeiro asalto e tivo que remontar para vencer 2-1. A continuación loitou ante Smaiyl Duisebay (Kazajistán) e Iván foi crecendo moito no seu rendemento para gañar en dous asaltos. Nos cuartos de final esperaba o chino Zhaoxiang Song, que viña dun combate moi duro contra o turco Atesli, e novamente o noso taekwondista competiu con moita cabeza e sabendo que tiña que marcar un ritmo moi alto fronte a un rival bastante canso. Iván venceu en dous asaltos moi loitados.

 

Na semifinal esperaba Iván Sapina (Croacia) no que foi un fantástico combate, tremendamente axustado. Iván perdeu o primeiro asalto, pero venceu no segundo e todo tiña que decidirse no terceiro e definitivo. E Iván foi por diante no marcador ata os últimos segundos , nos que Sapina logrou sorprender ao noso taekwondista.

 

Ademais, tamén competiu hoxe no Grand Prix de París Tania Castiñeira (+67, Hebe) que fixo dous grandes combates. No primeiro venceu a súa compañeira no CAR de Barcelona, Belén Morán en dous asaltos (2-0) e na seguinte rolda enfrontouse á campioa do mundo, a coreana Dabin Lee. Foi unha loita moi axustada, na que Tania gañou o primeiro asalto, perdeu o segundo e foi empatada ata o final no terceiro, cando Lee logrou puntuar a falta de 5 segundos para facerse co triunfo.

Print Friendly, PDF & Email