O taekwondo galego acadou dúas medallas no Open de Montenegro, que se disputou esta fin de semana na cidade de Podgorica. Sergio Troitiño (-87, Mat´s) logrou a medalla de ouro, mentres que Pablo Patiño (-68, Patiño) foi prata. Tamén competiu o galego Adrián Salanova (-68, Maniotas), pero non puido subir ao podio.

 

O ouro foi para Sergio Troitiño que segue a amosar un magnífico estado de forma. En Podgorica sumou 10 puntos para ir subindo posicións no ranking internacional. No primeiro combate superou ao taekwondista de Serbia Ivan Karajlovic en dous asaltos e logrou así o pase á semifinal. Aí esperaba Erol Nuci (Bosnia), un contrincante de gran envergadura, pero Troitiño competiu moi ben e volveu resolver en dous asaltos para meterse na gran final. E novamente, esta loita foi case un paseo para o galego. Enfrontouse a Dinko Segedin (Croacia) e Sergio gañou en dous asaltos moi claros (10/1 e 6/0) e alcanzou así un ouro máis que merecido e contundente.

 

En -68 quilogramos, Pablo Patiño logrou a medalla de prata. O galego fixo un total de catro combates, para caer derrotado na final ante o seu compañeiro de equipo Joan Jorquera (7º do ranking olímpico e 3º do mundo). A pesar da derrota, Pablo deu a cara sempre e o gañador tivo que resolverse en tres asaltos (2-1).

 

Con anterioridade, Pablo venceu en primeira rolda a un taekwondista de Serbia con moita claridade (2-0); posteriormente enfrontouse a Burkina Faso e foi unha loita máis dura, pero tamén resolta en dous rounds. Na semifinal, Patiño superou ao representante de Turquía en tres asaltos. Foi un combate moi igualado, pero no terceiro asalto, Pablo aumentou o ritmo e logrou a vitoria.

 

Por último, sinalar que Adrián Salanova tamén competiu en -68 quilogramos, e tivo a mala fortuna de cruzarse na primeira eliminatoria con Joan Jorquera, o número 1 do Open de Montenegro e que foi elixido mellor competidor do evento.

 

Noraboa rapaces!!!

Print Friendly, PDF & Email