Chegan fantásticas noticias de Belgrado! O galego Roi Fraga (-174 cm.,  Número Phi) acadou a medalla de bronce no Campionato de Europa Cadete, que se está a disputar estes días na capital de Serbia.

 

O primeiro combate foi contra Christopher Wunsch (Luxemburgo) e o deportista galego foi moi superior e venceu en dous asaltos sen sufrir. Na seguinte rolda, tivo que enfrontarse a Konstantin Zivanovic(Serbia) e novamente Roi puido resolver en dous asaltos e con comodidade. Nos cuartos de final veuse as caras co representante de Francia, Denzel Meledie Ntjono e aquí a loita foi moito máis apertada, xa que o taekwondista francés tiña moito peso e igualou as cousas, pero Roi amosou sangue fría e volveu a impoñerse para garantir así a medalla.

 

Na semifinal tocou o peor dos rivais, o campión do mundo da categoría, o italiano Gabriele Rosato. No primeiro asalto Roi puxo as cousas moi complicadas a Rosato, que ata ese momento se paseara por todos os combates, Tivo que esforzarse ao máximo para poder gañar o asalto (ao final 18-13). Xa no segundo, foi máis sinxelo a favor do italiano, de gran envergadura, e Roi Fraga acadou unha medalla de bronce cun sabor excepcional.

 

Noraboa Roi!

 

Print Friendly, PDF & Email