Xa pasaron tres meses dende a reapertura dos nosos clubs, tres meses de traballo en silencio de todas e todos os nosos adestradores, dirixentes, deportistas… que cumpren coas normas establecidas e que ademais gozan do taekwondo.

 

Tres meses despois, o balance non pode ser máis satisfactorio, xa que temos a 56 clubs funcionando e ata o día de hoxe non houbo ningún contaxio dentro dos centros deportivos. Todos están a demostrar que se pode practicar taekwondo e  hapkido nun entorno seguro, tomando as medidas hixiénicas e de prevención necesarias.

 

Porque durante o confinamento non paramos. Pola súa banda a Federación Galega de Taekwondo elaborou un rigoroso protocolo para o regreso ao traballo, no que se establecían unhas pautas de actuación, progresivas nesta reincorporación aos adestramentos, con medidas de prevención e hixiene para todos os que forman a familia do taekwondo galego. Este protocolo contou coa aprobación da Secretaría Xeral para o Deporte. E os responsables dos clubs xa estaban a traballar na súa propia realidade, buscando solucións antes de ter o permiso para abrir.

 

Ademais, a Federación Galega, facendo un enorme esforzo económico, tamén entregou a todos os clubs galegos un lote de produtos anti-COVID (termómetro corporal sen contacto; xel hidroalcohólico de mans; desinfectante de superficies; 2 bobinas de papel mecha, pantallas de protección individual, unha alfombra desinfectante para o acceso ao centro) para poder afrontar esta crise sanitaria e tamén económica.

 

E así, coa colaboración e esforzo de todos, os ximnasios abriron as súas portas, cunha seriedade e profesionalidade máxima que convenceron aos seus usuarios, que seguen enganchados ao noso deporte coa tranquilidade que da ver que funcionan as medidas tomadas polos clubs, en canto a limpeza e desinfección do material e do local entre clase e clase, a distribución dos deportistas na sala cun espazo moi amplo para poder facer deporte, o control de acceso… Grazas aos que se quedaron e confiaron en nós e tamén grazas aos que nestes momentos de incerteza están apostando polo taekwondo.

 

Levamos tres meses traballando nesta nova normalidade que nos está a tocar vivir e demostrando que sabemos facelo. E cando poidamos volver a competir, volveremos a amosar que é posible facelo coas medidas de seguridade necesarias.

 

E por todo isto, dende a Federación Galega de Taekwondo queremos dar as grazas a todos os nosos clubs, deportistas, adestradores, dirixentes por volver recordarnos unha vez máis os principios morais do noso deporte: Cortesía, integridade, perseverancia, autocontrol e espírito indómito.

 

 

Print Friendly, PDF & Email