Os galegos Alma Pérez, Arlet Ortiz, Sara Cortegoso, Tania Castiñeira e Iván García están xa en Bakú para a disputa do Mundial absoluto de taekwondo que se celebra do 25 de maio ao 6 de xuño. Arlet Ortiz (-57 quilogramos, Mat´s) foi a primeira galega en competir o luns. Arlet afrontaba a competición con moita ilusión e con ganas de dalo todo e iso foi o que fixo. Caeu en terceira rolda ante a turca Ilgun, facendo un combate excepcional, que tivo que decidirse por rexistros ao rematar o terceiro asalto empatadas. Fantástica actuación de Arlet!

A primeira rival de Arlet  foi a afgana Marzieh Hamidi e a galega superou esta rolda en dous asaltos. O segundo combate foi contra a australiana Stacey Hymer e novo triunfo de Arlet en dous asaltos para acceder aos oitavos de final, onde esperaba a turca Hatice Kubra Ilgun, medallista olímpica (bronce en Tokyo), campioa de Europa e bronce no Mundial de Gualadaxara o pasado ano. O curriculum asustaba, pero Arlet non se achicou. Despois de perder o primeiro asalto e ir por detrás no segundo (1-5) iniciou unha gran remontada para acabar vencendo e levar o combate ao terceiro e definitivo asalto. Outra vez estivo axustado, con Arlet por diante en varias fases do mesmo, pero ao final rematou con empate no marcador (5-5) e a gañadora do combate decidiuse por rexistros a favor da turca. Fantástico traballo Arlet!

 

E se Arlet foi a primeira galega en competir, haberá que esperar ata o xoves para volver ver en acción a un representante galego. Será a quenda de Tania Castiñeira (+73, Hebe), a que sairá ao tapiz con ganas de facer algo grande. Tania chega nun bo momento de forma – “síntome rápida e forte”- e ademais con moita ilusión: “No anterior Mundial quedeime cun sabor agridoce ao caer na primeira rolda ante China Taipei. Nestes torneos hai un grandísimo nivel e os combates se deciden polo mínimo. Así que me preparei a tope, con moitísima ilusión, para dar o máximo e quedarme cun bo sabor de boca e se é posible, levarme unha medalla”.

 

O venres teremos como protagonista a Sara Cortegoso (-46, Mace Sport) quen nos contou que “estou con boas sensacións, adestrando moi, moi forte e con alta intensidade, así que sinto que estou preparada. Como sempre os nervios e a incerteza do que pode pasar sempre está, pero considero que o estou levando mellor que nunca e teño moitas ganas de saír ao tapiz e gozar”.

 

E teremos que esperar ao domingo 4 de xuño para ver en acción a Alma Pérez (-53, Suh Sport) e Iván García (+87, Mat´s). Alma, que o pasado ano quedou moi preto da medalla, sabe que é unha competición moi dura, con xente moi boa aínda que non apareza no ranking e temos que estar pendentes de ver quen toca nos primeiros combates, porque son caramelos envelenados. Iso si, chego ben de forma e con ganas de facer un bo papel. Adestramos moi duro estas últimas semanas e as sensacións son boas”. Arlet nos recorda que regresan os competidores rusos á competición: “Así, volve Tatiana Minina, subcampioa olímpica en Tokyo, que era unha das favoritas no meu peso, xunto á americana e a croata Karabatic”.

 

E rematamos co actual subcampión do mundo, Iván García, pero que afronta o Mundial despois dunha operación de xeonllo e sen ningún test previo. “O xeonllo está respondendo moi ben, pero me falta alcanzar a forma física ao cento por cento, e iso non será posible. Ademais, afronto o Mundial sen ningún test previo, así que tratarei de ser o máis solvente e eficaz posible, xestionar ben os combates para sacar bos resultados, pero un obxectivo claro non teño”, manifestou o deportista do Mat´s. Iso si, que ninguén pense que Iván vai derrotado nin moito menos: “Estudiei moi ben aos rivais para saber como afrontar cada combate e aproveitar as miñas opcións. Todo o que tiña que facer, está feito e tratarei de estar o máis arriba posible”.

Print Friendly, PDF & Email