O galego Iván García (+87 kg, Mat’s) conseguiu a medalla de prata no Campionato de Europa Sénior, que se está a disputar estes días en Múnic (Alemaña).

 

O taekwondista galego tivo que retirarse da final ante o británico Caden Cunningham por mor dunha lesión. O combate comezou moi igualado, ata que, superado o primeiro minuto do asalto inicial, nun ataque do británico, Iván caeu e fíxose dano. A partir dese momento, todo foi un exercicio de sufrimento. No que restaba do primeiro asalto encaixou un 0-9 en contra, amosando evidentes xestos de dor e sen poder moverse con normalidade. Tentou saír a competir de novo no segundo asalto, pero foi imposible e aos poucos segundos, abandonou.

 

E cal foi o seu percorrido ata a final? Na primeira rolda, Iván superou ao polaco Jablonski en dous asaltos e con moita solvencia. Nos cuartos de final venceu ao macedonio Dejan Georgievski, tamén en dous rounds e con bastante claridade. Ante un rival máis corpulento, o galego soubo moverse con maior axilidade e marcou as diferenzas desde o inicio. No primeiro asalto comezou cunha patada á cabeza (3-0) e foi ampliando a vantaxe ata o 9-1 final. No segundo, tamén arrancou por diante e mantivo o control ata o definitivo 11-1.

 

Na semifinal agardaba un dos favoritos, o croata Iván Sapina, pero Iván García volveu demostrar o seu nivel, gañando novamente en dous asaltos e sen excesivas dificultades. Dominou o primeiro round de principio a fin, controlando totalmente a situación (4-2), sen asumir riscos pero sen dar opción á remontada do croata.

 

No segundo asalto, Sapina saíu máis agresivo e chegou a poñerse por diante (0-3), pero Iván amosou unha vez máis cabeza, tranquilidade e confianza nas súas posibilidades. Nun dobre ataque conseguiu darlle a volta ao marcador (6-3) e, a partir de aí, o combate foi un auténtico recital do taekwondista do Mat’s, que acabou pechando o asalto cun contundente 15-3.

 

Así logrou o pase á gran final, onde as cousas non saíron como desexaba, xa que a lesión lle impediu competir ao seu mellor nivel e acabou obrigado a retirarse.

 

En calquera caso, Iván García regresa de Múnic como subcampión de Europa, un resultado espectacular especialmente tendo en conta os problemas físicos cos que chegou a esta importante cita continental.

 

A expedición galega

O mércores 13 de maio será a quenda de Carla Sesar (-57 kg, Natural Sport) e Sergio Troitiño (-87 kg, Mat’s), mentres que Tania Castiñeira (+73 kg, Hebe) pechará a participación galega o 14 de maio.

 

 

 

Print Friendly, PDF & Email