O galego Iván García (+80, Mat´s) acadou a medalla de bronce no Grand Prix de Manchester, nunha proba fundamental xa que estaba en xogo a clasificación para os Xogos Olímpicos. O bronce, aínda que é un fantástico resultado, non foi suficiente e agora hai que pensar no clasificatorio de China.

 

O bronce nun Grand Prix é fantástico, pero Iván non estaba satisfeito xa que non puido conseguir a súa praza olímpica, que era o que buscaba. O galego superou dúas complicadísimas roldas, ante rivais de gran categoría. Na primeira venceu en tres asaltos ao uzbeco Nikita Rafalovich, dúas veces subcampión do mundo e actual número 7 do ranking olímpico. En cuartos, enfrontouse ao coreano Sanghyun Kang, e foi unha loita moi dura, na que tocou remontar. Kang logrou gañar o primeiro asalto, pero Iván remontou para conseguir a vitoria e meterse na semifinal. E buscando o pase a final, Iván loitou ata o final ante Maicon Siqueiro (Brasil). O primeiro asalto escapouse no último segundo e no segundo, pesou a presión da remontada, e Iván estivo precipitado e escapouse a posibilidade de vitoria.

 

Ademais, en Manchester tamén competiron as galegas Alma Pérez (-57, Suh Sport) e Tania Castiñeira (+67, Hebe). Alma caeu derrotada na primeira eliminatoria ante a británica Aaliyah Powell, mentres que Tani perdeu contra a francesa Althea Laurin.

 

Seguimos traballando!

Print Friendly, PDF & Email