O sábado 14 de outubro celebrarase no Gatañal (Cangas) a xornada Miudiños Corresponsables, na que participarán preto de 300 deportistas noveis das categorías precadete, cadete, infantil e júnior de toda Galicia. Será unha actividade non competitiva e patrocinada polo Plan Corresponsables da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo prioritario favorecer a conciliación familiar. Desta forma, os pais e nais poderán deixar aos seus pequenos nun entorno deportivo no que desfrutarán do taekwondo e dunha xornada de convivencia con outros nenos/as.

 

Neste evento o máis importante é a participación, o xogo limpo e a convivencia. Desta forma, os participantes estarán divididos en cadros de catro deportistas e todos eles realizarán, polo menos, dous combates. Ao non ser un campionato, todas e todos os taekwondistas recibirán a mesma medalla conmemorativa da súa participación. Ademais, haberá trofeos para o club con máis participación, aos técnicos (home e muller) polo Xogo Limpo (elixidos polos xuíces) e aos árbitros (tamén home e muller) polo mellor desempeño coa base (elixidos polos técnicos).

 

No evento, organizado polo club Sares-TKD, participarán 270 deportistas, 25 clubs, 35 árbitros e máis de 40 técnicos/as.  Celebrarase en xornada matinal (de 9:30 a 14:00 horas) e de tarde (de 16 a 19:30 horas) e a competición disputarase en sete pistas e os participantes contarán con petos electrónicos e cascos, para que a súa experiencia sexa completa.

Print Friendly, PDF & Email